Mencións a Cela e Mántaras na documentación do Mosteiro de Monfero


No excelente traballo do finado José Luis López Sangil "SANTA MARÍA DE MONFERO EN SU DOCUMENTACIÓN (1088-1300)", editado pola Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia atopamos as seguintes mencións a Cela e Mántaras:

(https://www.estudioshistoricos.com/wp-content/uploads/2020/12/nalgures_xvi.pdf) 

A foto do mosteiro é de Fermín Goiriz Díaz, obtida de https://pontedeumeturismo.es/santa-maria-de-monfero/

  • Menendus Petri (Menendo Pérez), chamado Bandel, miles (cabaleiro) de Mantares, testigo en 1170 da doación ao mosteiro de Monfero feita por Suerius Osorius das porcións no vilar que chaman Ecclesiola (Irixoa), na igrexa de Santa Eufemia e no vilar de Gulfar.
  • O irmán Iohannes (Xoán) converso, diácono de Mántaras, testigo en 1237 da doación de Petrus Petri (Pedro Pérez) e a sua muller Maria Petri (María Pérez) ao mosteiro de Monfero de toda a sua parte na igrexa de Santa María de Verís.
  • Pelagius (Paio) de Cela, cabaleiro, testigo en 1237 do pacto entro o mosteiro de Monfero e Nunius Pelagii e Iohannes Pelagii (Nuño e Xoan Paez).
  • Maior Ueremudi (Maior Bermúdez) de Mántaras e o su mario Petro Martini (Pedro Martínez), que venden en 1242 a Pelagio Iohannis (Paio Joanes), chamado Capeiron, e a sua muller Marine Fernandi (Marina Fernandez), todas as suas posesións na vila de Lambre.
  • Mendo Joanes de Cela e a sua muller dona Martina Sastre que doan en 1243 ao mosteiro de Monfero a octava parta da Igrexa de Mántaras.
  • Petrus Iohannis (Pedro Joanes) et Menendus Iohannis (Menendo Joanes), cabaleiros de Cela, testigos en 1246 da confirmación da doación que fai Fernando Perez, dictus Pardo, fillo de D. Pedro García e Dona Maior García a doación do vilar de Canedo que fixera seu pai. 
  • Petrus Iohanis (Pedro Joanes) de Mantaras, testigo en 1246 da doación feita por Fernandus Fernandi de Sancto Georgio (Fernando Fernandez de Sanxurxo) á sua muller Eldare Fernandi (Aldara Fernández), en concepto de arras.
  • Petrum Vermudi (Pedro Bermúdez), clérigo de Mántaras, árbitro na disputa acerca do catenático (un tributo ou dereito de paso) e sobre os límites do lugar de Sivil.
  • Don Pedro Fernández Pardo e Don Lourenzo, abade de Monfero, chegan a un acordo en 1261 sobre a propiedade y aproveitamento dunha serie de lugares entre eles "quanto avemos e devemos a aver na higlesia de Sancta Maria de Mantares".
  • Joan García de Mántaras, testigo en 1261 no preito que mantiña o Mosteiro de Monfero contra certos cabaleiros prestameiros que lles derrubaron "los moyones de los cotos e que les entró y e lles tomó llos vassallos e les faz y otros tuertos e otras terrerías sen razión e sen derecho." 
  • Johan Froyaz doa en 1278 o seu quiñón da igrexa de Santa María de Mántaras ao mosteiro de Monfero.
  • Eldonça Pérez, muller de Joham Afonso de Vilarino doa en 1282 ao mosteiro o seu quiñón na igrexa de Santa María de Mántaras que lle rende cada ano tres diñeiros leoneses.
  • Pedro Eanes de Sanjurgio, fillo de Johán Longo e de Eluyra Gonçáluez doa entre 1282 e 1284 " quanto ayo e aauer deuo de parte de meu padre Johán Longuo ja dito na igregia de Santa María de Mantares e de Santa María de Viriis." 
  • Fernán Fernández, clérigo de Mantares, e seus irmaos Sancha Fenández e Lope Fernández, recoñecen que teñen aforadas polo mosteiro sendas quintas de una undécima parte do casal de O Lapido, na freguesía de San Tirso de Ambroa, e se comprometen a pagar por renda anual, no día de San Martiño, tres soldos e catro diñeiros cada un.

Por ser Fernando Perez, chamado Pardo, un persoaxe que xa comentamos no apunte "Os Pardo e o couto de Cela (I). Pero de Ambroa e María Balteira", primeira mención aos Pardo en Cela e Mántaras, reproducimos unha tradución ao galego moderno da transcripción latina da doazón de 1246 que figura no traballo citado:

En nome de Deus, amén.

Eu, don Fernando Pérez, chamado Pardo, fillo de don Pedro García e de dona Maior García, a vós, don Paio, prior, e ao convento do mosteiro de Santa María de Monfero, tanto aos presentes coma aos que han vir no futuro, do e renuncio toda a herdade e dereito que tiña ou debía ter en todo o lugar de Canedo e en todos os seus termos, herdade que o meu pai, don Pedro García, doara en vida súa ao dito mosteiro.

Esta doazón e renuncia fágoa por min e por toda a miña voz presente e futura, polo remedio da miña alma e da de meu pai, quen primeiro fixera esta mesma doazón ao dito mosteiro de todos os seus dereitos sobre ese lugar.
E eu concedo esta doazón e renuncia aos irmáns de Monfero para que teña valor perpetuo, pois de moitos xeitos lles son obrigado, e porque é o lugar no que, sendo neno, fun ofrecido e criado, e onde mando que o meu corpo sexa sepultado.

E se algún dos meus parentes ou calquera outra persoa, fillo ou próximo, ousa ir contra esta doazón que fixo meu pai e que eu, de vontade propia, confirmo agora, incorra na ira de Deus todopoderoso, e teña tamén a miña maldición e a de meu pai; e todo o que usurpare deberá restituílo ao mosteiro duplicado, ademais de pagar á autoridade real cincuenta soldos, permanecendo esta carta con todo o seu valor.

Feita esta carta de doazón e renuncia na era mil douscentos oitenta e catro (ano do Señor 1246), no mes de abril.
Reinando o rei don Fernando en Castela, Toledo, León, Galicia e Córdoba.
Sendo don Rodrigo Gómez tenente de Monterroso, Trastámara e Monte Negro;
e don Xoán Airas, arcebispo de Santiago de Compostela;
Xoán Afonso, arcediago; e Pedro Oveci, arcipreste.

Foron presentes como testemuñas:
Fernando Fernández, chamado Correra, cabaleiro;
Fernando Cabeza, cabaleiro;
Pedro Xoán e Menendo Xoán, cabaleiros de Cela;
Menendo Pérez e Nuño Pérez, escudeiros;
Lopo Nuno, fillo de Nuño Golpe e de Maior Xoán, irmá do dito don Fernando Pardus, testemuña;
don Paio, prior do mosteiro de Santa María de Monfero, en cuxas mans foi feita esta doazón e renuncia;
Domingo Pérez, monxe, testemuña;
Pedro Martín, monxe, testemuña;
irmán Fernando, converso, testemuña.

A doazón foi feita en Mántaras, na era xa mencionada, estando presentes a nai do dito don Fernando Pérez, a súa muller María Afonso e o seu fillo Fernando Fernández, así como moitos cabaleiros e veciños do lugar.

Foron tamén vicarios e testemuñas deste feito Durán García e Martín Rodríguez de Aymir.

E eu, Xoán Martín, monxe de Monfero, escribín este documento.





Comentarios

Publicacións populares deste blog

O Couto de Cela nos censos do século XVI e o pazo de Colloces.

Os Pardo e o couto de Cela (III). A loita dos gorrións contra os falcóns.

Os Pardo e o couto de Cela (II). Os Pardo de Cela.