Os Pardo e o couto de Cela (III). A loita dos gorrións contra os falcóns.

No anterior apunte vimos como duas familias de cabaleiros, os Pardos e os Freires tiñan propiedades nos concellos de Monfero, Aranga e Irixoa. Ditas propiedades son poucas e dispersas polas doazóns e herdanzas, polo que para manter o seu estatus dependen dos mosteiros como Monfero e Sobrado, e dos ricos homes como os Condes de Traba e logo os Castro.

A finais do século XIII, principios do XIV, os Freire van estender o seu ámbito á zona de Pontedeume, a partires de Lourenzo Freire e sobre todo o seu fillo, Joan Freire, que segundo o traballo de Xose Luis Lamigueiro, aparece como alcalde de Pontedeume no nome do rei nun documento de 1304 ”…o Concello da villa de ponte deume en hum con John Freyre alcayde delrey en esta villa", así como encomendeiro do mosteiro de Caaveiro. Este Joan Freire sería o pai dos cabaleiros da Banda Nuño e Roi Freire, e o avó do famoso Fernán Pérez de Andrade "O Bóo", casado coa filla do tamén cabaleiro da Banda Aras Pardo.


Foro de Benavente de 1167 no que se baseou a carta de Pontedeume. Fonte: Más Vale Volando


No ano de 1270 o rei Alfonso X "O Sabio" dera a carta de poboamento da vila de Pontedeume para dar un lugar ás xentes das terras de Pruzos e Bezoucos que "recebian muchos males et muchos tuertos de cavalleros et de escuderos et otros omes malfechores que les robaban et les tomavan lo suyo sin su plazer". 

Sepan quantos este priuillegio uieren et oyeren como nos don alfonso por la gracia de dios Rey de Castiella de leon de toledo de gallizia de seuilla de cordoua de murcia de iahen et del algarbe, porque los omes de la tierra de pruços et de besoucos et de las feligresias que dizen de sancta maria de centrona, de santiago de boeuie, et sancta maria de castro, et sant saluador de leyro et san giao de carantoña, et sca maria de dorona, et san pedro de grandal, et sca maria de catairade, et san juno et santiago de villa matheu, et san xristouoo de goymir, et santiso dambroa, et sca uaya danigna, et sca eufemoa dignioa, et sca maria de mantaras, et sant martiño de chorio, et sant saluador de curugion et asperela, et sayoane de uilla mourel, et santiago de dragonte, et paderne, et sca uaya de coyco, et sayoane de pineyro et santiago de franca, et san saluador de maninos, et san jurio de magalefes, et sca maria de selloure, et san saluador de selloure et samamede de lariua, et santiago de perlio, et sca maria de mareyo senons enuiaron querellar muchas ueces que recebian muchos males et muchos tuertos de caualleros et de escuderos et otros omes malfechores que les Robaban et les tomauan los suyo sin su plazer, et nos pidieron merced que les diesemos hun lugar, qual touyesemos por bien en que poblasen et les otorgasemos los nuestros Regalengos et todos nuestros derechos que auiamos et auemos et deuemos por auer en esta tierra et estas feligresias sobredichas. Et nos por les fazer bien et merced et porque la tierra sea mejor poblada et se mantenga mas en justicia demosles et otorgamosles los nuestros regalengos et todos los nuestros derechos que auemos et deuemos auer en esta tierra et estas feligresias sobredichas que los ayan libres et quitos para siempre jamays.

Coa dita carta, o Rei creaba unha vila de reguengo (do rei), non suxeita a ningún señor, cun alfoz (diríamos hoxe térmo municipal) que chegaba ata Aranga incluindo as parroquias de Mántaras, Churío, Coruxou e Vilamourel. 

O alfoz de Pontedeume non incluía aqueles territorios suxeitos a xurisdicción señorial como os coutos dos Mosteiros de Caaveiro e Monfero, ou o de Andrade entre outros pequenos señoríos laicos.

A independencia dos señores durará apenas un século, ata que despois da guerra entre Pedro I "o Cruel" e Enrique II de Trastámara, o vencedor lle conceda a Fernán Pérez de Andrade en 1371 o señorío de Pontedeume e Ferrol, incluindo o alfoz destas vilas:

"...damosvos por juro de heredad para agora e para siempre jamas, para vos e vuestros herederos e para los que de vos vinieren los lugares de la Puente d'Ume e Ferrol, que son en Galliçia, con sus términos, e aldeas e jurediçiones, e con montes e prados e pastos e agoas correntes e non corrientes, con todas las rentas que nos avemos e nos pertençen aver en los dichos logares e terminos e en cada uno dellos, e con la justiçia alta e baja..."

Como vimos na anterior entrega, en 1373 Johan Lopes Pardo, fillo de Aras Pardo, é testigo en 1373 da toma de posesión polo abade de Monfero de propiedades donadas por Fernán Pérez de Andrade, e figura nun documento de 1398 como señor do couto e feligresía de Vilamourel.

O seu fillo Joan Núñez Pardo será o primeiro que se faga chamar señor do couto de Cela, nun momento en que os Andrade son xa grandes señores en Galicia incluindo no seu señorío o antigo alfoz de Pontedeume, no que estaban Mántaras e Vilamourel. A relación entre ambas familias, xa que Fernán Pérez era xenro de Aras Pardo, leva a pensar que, á maneira feudal, de igual xeito que o rei repartira mercades ao Andrade, éste repartira tamén algunhas cos seus escudeiros, entre os que se encontrarían os Pardo. Este feito tería lugar entre 1371 e 1435.

O feito de que a partir de Joan Nuñez Pardo, estes comencen a chamarse Pardo de Cela, indica que nese momento ese señorío era o máis importante do seu patrimonio, e no que tiñan a sua casa e pequena fortaleza, a torre de Cela. 

A torre de Cela non está hoxendía en pé, ainda que si existe a casa da torre, da que ainda en 1893 as escrituras recollían o gravame, xa daquela anacrónico, de facilitar "habitación para el señor Conde o apoderados" e de "facilitar asímismo edificio que sirva de cárcel, cuando la parroquia forme coto aparte". Nas pedras da casa da torre quedan ainda restos da torre primixenia. 

Cando en 1908 o rei Alfonso XIII concedeu á escritora Emilia Pardo Bazán o título de Condesa de Pardo Bazán, ésta pediu uns anos máis tarde, en 1916, que o nome do título fose cambiado polo de Condesa de la Torre de Cela, en recordo dos seus antergos Pardo de Cela.

É posible que a torre de Cela non durase como tal moito en pé, xa que os habitantes dos dominios dos Andrade, habituados á relativa liberdade previa que tiñan sen señores, non tardaron en rebelarse. En 1431 alzábase á Irmandade Fusquenlla nas terras de Pontedeume e Betanzos liderada por Roi Xordo contra Nuño Freire de Andrade "O Mao", aquel que seu pai ameazaba con mandalo a dar "lanzadas polo vientre". 



Castelo de Sandiás, derrubado polos irmandiños. Fonte Wikipedia

Derrotada en 1435, as revoltas seguiron no reino ata chegar ao grande levantamento irmandiño iniciado o 25 de abril (curiosa data) de 1467 co derrubamento do Castelo Ramiro (preto de Ourense). Como dixo un veciño de Betanzos, testigo directo da revolta no pleito Tabera-Fonseca  "les oía dezir que los gorriones abían de correr tras los falcones", engadindo a continuación para non quedase dúbida do sentido da frase bió que los de la dicha hermandad corrían tras de los dichos caballeros hasta que los hizieron yr de dicho Reino".


Comentarios

Publicacións populares deste blog

O Couto de Cela nos censos do século XVI e o pazo de Colloces.

Os Pardo e o couto de Cela (II). Os Pardo de Cela.