Os Pardo e o couto de Cela (II). Os Pardo de Cela.

Falábamos na anterior entrada dun Fernando Pérez chamado Pardo, como o primeiro a ser coñecido nos documentos  por este alcume. Un descendente seu sería o Garçia Perez Pardo, casado cunha Mayor Eanes, da casa betanceira dos Eans Becerra que en 1372, no seu testamento, renuncia ás suas propiedades en San Tirso de Ambroa a favor do Mosteiro de Monfero.


Un fillo seu, Aras Pardo, parece ser o que figura na primeira relación de cabaleiros da Orde da Banda en tempos do rei Afonso XI (1332). Nesa relación aparece dentro dos cabaleiros nomeados por Pedro Fernandez de Castro, a quen o rei dera licenza para armar outros cabaleiros. 

Orde da Banda foi unha orde militar fundada en 1332 por Afonso XI de Castela, co obxectivo de cimentar o seu poder sobre a nobreza, distinguindo a certos cabaleiros co privilexio de vestir coma el panos brancos cunha banda inicialmente carmesí.  Os seus membros debían ter un comportamento sen tacha e sobre todo ser leais ao rei.

Entre os cabaleiros nomeados por Pedro Fernandez de Castro, daquela o señor máis importante de Galicia, que aparecen na relación de 1332, tamén figuran Ruy Freire e Nuño Freire, cabaleiros da que sería logo famosa casa de Andrade, que integraría a Banda real no seu escudo, xunto con outros cabaleiros da pequena nobreza galega. A orixe dos Freire de Andrade está curiosamente, segundo o traballo de Xosé Luis Lamigueiro, "Relaciones parientales de los Andrade (II): Trasancos, Sillobre, Lago, Sanxurxo y Freire" ligada aos concellos de Monfero, Aranga e Irixoa. Os dragantes da Banda de Castela pasarían a formar parte do coñecido escudo da casa de Andrade.




Precisamente unha filla de Aras Pardo casará co famoso Fernán Pérez de Andrade, o Bóo, recibindo do seu pai a casa forte e coutos de  Verís, Muniferral e Feás. Tamén en 1362 o mosteiro de Monfero aforou a Fernán Pérez de Andrade, escudeiro, e a súa muller Sancha Rodríguez, polas súas vidas, os casares de Penedo, Sieiro, Castelón, Morgade, Chorío, Valeixe e outros, que os tiña ata entón Aras Pardo, cabaleiro, a cambio dunha renda anual de cento sesenta maravedís, e coa condición de que se o matrimonio se separara o foro quedará nas mans de Sancha Rodríguez.

Aras Pardo fixo testamento ese mesmo ano ante o notario do Rei Johan Eans, e foi enterrado no mosterio de Monfero, no que ainda se pode ver, na súa Capela Maior o seu sepulcro co escudo xadrezado de veros dos Pardo:


O seu fillo, tamén chamado Aras Pardo sería enterrado na igrexa de San Francisco de Betanzos, sendo o seu sepulcro considerado unha das mellores esculturas funerarias da época.




Un neto de Aras Pardo sería Johan Lopes Pardo, que aparece nun documento de 1373 como testigo da toma de posesión polo abade de Monfero de propiedades doadas por Fernan Pérez de Andrade. En 1398 aparece noutro documento como señor do couto e feligresía de Vilamourel.

Un fillo de Johan Lopes, sería Juan Núñez Pardo, coñecido logo como “o vello”, que sería o primeiro que aparece como señor da torre e couto de Cela, en Santa María de Mántaras. Juan Núñez Pardo tiña unha moi boa relación co mosteiro de Sobrado, que nun documento de 1435 lle recoñece os foros da diversas propiedades na zona:

“Sabean quantos esta carta viren como eu frei Alvaro Conpostella, monje do dito mosteiro de Santa María de Sobrado da Horden do Cister, Arçobispado de Santiago, por poder e percura con sufiçente que heu teno eazo de don frei Diego Abade do dito mosteiro de Sobrado, por esta presente carta outorgo e conozco que vos Joan Pardo de Cela escudeiro, vasallo de noso senor el Rey, tendes en foro do abade e conbento de Santa María de Sobrado certos casares y herdades ayuso scritas, e eu agora porque soo enformado que bos o dito Joan Pardo reparastes e rreparastedes ben os ditos casares e erdades e pagastes e pagades a rendas e censos a os Abades [...] e agora me prometedes e bos hobrigades que de aqui endeante rreparedes mellor e pagades os ditos foros e cenços e que ayudedes e defendades a ho dito Abade e Prior e conbento do dito mosteiro, por ende eu o dito frei Alvaro alende os ditos foros, e por lo dito poder a mi dado en quanto paso e debo con dereito, aforo a bos, o dito Juan Pardo en todos los dias da bosa vida e a duas bozes despois de bos, que mas bos no me aredes e mays alende as ditas duas bozes por tempo de vinte e nobe anos todas as ditas erdades [...] as quas son, a granja da maya e os quintos de canbas e o casal de boado e hos casares de Cristobo e a grana de munyn ferral e hos casares de ballo e a grana de negrelle con todos os seus dereitos e pertenças....”

Fonte “Historia Documentada de Betanzos de los Caballeros. Siglos XV y XVI”. José Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro-José Enrique Ribadulla Porta. 1984.

Juan Núñez Pardo será o pai do famoso Mariscal Pedro Pardo de Cela, e doutro Juan Núñez Pardo de Cela "o mozo", que morrería a mans de Alonso de Lanzós, o que logo sería o famoso xefe dos irmandiños, nos altos de Cambás, unha zona onde, como vemos no documento anterior os Pardo de Cela levaban propiedades.

Non temos datos sobre a disputa, pero estamos nos tempos previos á gran revolta irmandiña, e a crise económica levaba aos pequenos señores a pelexar entre eles polas propiedades. Para mostra a ameaza de Pedro Fernández de Andrade por carta ao pai de quen lle disputaba a posesión dos coutos de Muniferral e Feás “…que feçiese al dicho su fijo que se quitase desta dicha demanda o faria quel dicho su fijo Nuño Freire le diese dos lanzadas por el vientre…”


Pedro Pardo de Cela tiña sen dúbida motivos de sobra para estar en contra dos irmandiños, pero seguro que o feito de ser un dos líderes o que matou a un irmán seu, non axudou.






Comentarios

Publicacións populares deste blog

O Couto de Cela nos censos do século XVI e o pazo de Colloces.

Os Pardo e o couto de Cela (III). A loita dos gorrións contra os falcóns.