Os Pardo e o couto de Cela (I). Pero de Ambroa e María Balteira
Segundo o
cronista oficial de Betanzos, José Raimundo Núñez Lendoiro, na súa obra
“Historia Documentada de Betanzos de los Caballeros. Siglos XV y XVI”, a liñaxe
dos Pardo é unha das principais da comarca das Mariñas.
José Luís Lamigueiro, na
sua obra “Xenealoxía do Ortegal”, presentános ao primeiro Pardo, un Fernando Pérez que
nos documentos figura como “Fernandus Petri dictus Pardo” (Fernando Pérez chamado Pardo).
Temos pois que
Pardo é un alcume, posiblemente relacionado co significado que ainda recolle o
dicionario da Real Academia Española:
“Caballero
pardo. 1. Caballero que, no siendo noble, alcanzaba privilegios el rey para no
pechar y gozar las preeminencias de
hidalgo.”
Este Fernando
Pérez podería ser fillo de Pedro García de Ambroa. Os Ambroa eran cabaleiros relacionados cos
mosteiros de Monfero e Xuvia, que aparecen en documentos do século XII e XIII,
recibindo terras en empréstimo a cambio dos seus servizos. Os Ambroa estaban no
círculo dos Trava, a liñaxe máis poderosa da época e que foron comprando as
propiedades destes.
É precisamente un
documento no que se da conta do seu pasamento, o que da unha pista da filiación
de Fernando Pérez:
“E
outrosi a herdade que tem don Monio in Friol de parte de Pedro Garcia de
Ambrona, convem a saber, hyasse esse Pedro Garcia pra a terra de ultra-mar,
daquela que morreo alo, e dou a don Monio quanta herdade avya in Friol que
desse don Monio Cm soldos a Fernam Pardo e don Munio pagou ja estes Cm soldos e
per esta guysa ouvo don Munio a aver esta herdade quita.”
Deixaría pois Pedro de Ambroa a herdade que tiña en Friol a
D. Munio Fernandes de Rodeiro, outro poderoso señor da época, a cambio de que
dese cen soldos a Fernán Pardo, que sería seu fillo.
Nos cancioneiros medievais aparecen Pedro García de Ambroa e Pedro de Ambroa como autores de unha cantiga de amor, unha de amigo unha tensón e once cantigas de escarnio. Segundo Joaquim Ventura "A trindade de Pedro de Ambroa", puidera ser que o Pedro García de Ambroa (que compuxo como trobador a cantiga de amor «Grave dia naceu, senhor») pasase a ter que traballar a salario, tal vez como escudeiro no ámbito militar e como segrel no ámbito artístico, co nome simplificado á maneira de xograr: Pero de Ambroa. Sen o patronímico (García), que sería o indicador da condición de cabaleiro.
En todo caso o Pero de Ambroa
debeu ser todo un persoeiro da época. Foi autor de cantigas, sobre
todo de escarnio, e obxecto tamén das doutros xograres.

Sona tivo tamén pola sua relación con María Balteira, a famosa soldadeira. María Balteira era de Coirós, polo que non é de estrañar que apareza nas cantigas dos betanceiros Pero de Ambroa e Pedr'Amigo de Sevilha.
Estamos nos tempos da Reconquista e a Balteira é moi popular nas cortes de Fernando III e do infante D. Alfonso, que sería logo Alfonso X, o Sabio, o autor das cantigas de Santa María, pero que de novo tamén lle daba ás cantigas de escarnio con xeito....
Joan Rodríguiz foi osmar a Balteira
sa midida, per que colha sa madeira
e diss'e[le)]: -Se ben queredes fazer
de tal midid'a devedes a colher
[assi] e non meor, per nulha maneira.
E disse: Esta é a madeira certeira
e, de mais, nona dei eu a vos sinlheira
e, pois, que s'en compasso á de meter
atan longa deve toda [de] seer,
[que vaa] por antr'as pernas da'scaleira.
María Balteira xogáballa ben aos homes, coma di nesta composición Pero de Ambroa:
Os beesteiros daquesta fronteira
pero que cuidan que tiran mui ben,
quero-lhis eu conselhar ũa ren:
que non tiren con María Balteira,
ca todos quantos alí tiraron
todos se dela con mal partiron
assí é sabedor e é arteira.
Tirou ela con uũ beesteiro,
destes d'el-Rei, que saben ben tirar;
e, primeira vez, polo escaentar,
leixou-se i logo perder un dinheiro
e des i outr'; e, pós esqueentado,
tirou con el, e ha dele levado
quanto tragía tẽ eno bragueiro.
Os beesteiros dos dous carreirões
tiran con ela, e pon-se sinal;
nen os outros, que tiravan mui mal,
atiraran a dous dos pipeões;
foron tirando, e bevendo do vinho;
o beesteiro, com'era mininho,
non catou quando s'achou nos colhões!
Pero de Ambroa debeu ter tamén momentos nos que se levaba ben con María Balteira, figurando, polo menos nos documentos, como acompañante desta en suposta Cruzada á Terra Santa. Peregrinación que foi obxecto de novas cantigas de escarnio como a de Gonçalo Eanes do Vinhal, que pon en dúbida esa gran viaxe, que non tería pasado de Montpellier, suxerindo que a verdadeira causa do regreso tería sido o medo das tempestades marítimas.
Pero d'Ambroa, sempr'oí cantar
que nunca vós andastes sobr'o mar
que med'houvéssedes, nulha sazom;
e que havedes tam gram coraçom,
que tanto dades que bom tempo faça
bem como mao nem como bõaça
nem dades rem por tormenta do mar.
E des i, já pola nave quebrar,
aqui nom dades vós rem polo mar
come os outros que i vam entom;
por en têm que tamanho perdom
nom havedes come os que na frota
vam, e se deitam, com medo, na sota,
sol que entendem tormenta do mar.
E nunca oímos doutr'home falar
que nom temesse mal tempo do mar;
e por en cuidam quantos aqui som
que vossa madre com algum caçom
vos fez, sem falha, ou com lobaganto;
e todos esto cuidamos, por quanto
nom dades rem por tormenta do mar.
Comentarios
Publicar un comentario
Grazas!