Primeiras fontes
A primeira mención que atopamos
referente a Mántaras no CODOLGA (Corpus Documentale Latinum Gallaeciae) aparece
no famoso documento do ano 995 redactado por Pedro, bispo de Iria, que sería
coñecido posteriormente como San Pedro de Mezonzo, sobre a reconstrución que
fixo da igrexa de Santaia de Curtis, fundada polo seu pai Martiño Placencio, e
destruída pola invasión normanda de Gunderedo no 968-970. Pedro era daquela
abade de Sobrado.
“…. usquequo peccato
pepediente uenerunt gentes lotimanorum in ipsam terram et uastauerunt sic ipsam
ecclesiam, sicut et alias conuicinas eiusdem, sicut et sacerdotes sui
captiuitate ducti et gladio trucidati sunt, ipsasque scripturas ipsius ecclesie
de ignibus concremauerunt usquequo non remansit ibidem nisi petre ignibus
ustulate remansit autem ab ipso incendio”
“…a causa dos nosos pecados viñeron as xentes dos normandos á nosa terra
e destruíron esta igrexa (Santaia de Curtis) e outras veciñas; os seus
sacerdotes foron levados presos e pasados pola espada; o lume consumiu as
escrituras, e as mesmas pedras pereceron polas chamas…”
Pedro de
Mezonzo pertencía a unha familia importante e fai diversas doazóns a
Santaia de Curtis para a súa
reconstrución, entre as que atopamos moitas propiedades na zona:
“In territorio Plutius: in uilla Floriu, terras
et pomares, Vª de genitore meo Martino et porcionaem de Fratre meo Adelfio
presbiterio, de UImarane et mea ab obni integritate; et nostram porcionem in
ipsas ecclesias Sancto Marie de Uirinis, Sancto Martino de Florio, Sancta Maria
de Mantares, necnon et Sancto Uicentio de Naimaia, que est iuxta castellum
Aranga”
“No territorio de Pruzos, na vila de Churío,
terras e hortas, quinta do meu pai Martiño e parte de meu irmán Adelfio
presbítero, de Vimara e miña por enteiro, e a nosa parte nestas igrexas de
Santa María de Verís, San Martiño de Churío, Santa María de Mántaras e San
Vicente de Naimaia (das Fervenzas?), que é xunto do castelo de Aranga.”
Noutro documento da época, recollido
nos Tumbos do Mosteiro de Sobrado, no ano 1037, outro nobre, Rodrigo Gutierrez,
fai carta de dote á súa muller Senior Aloytiz na que lle doa a ésta:
“In ualle Nemidos in prouincia Galletie, uillas
uocatas Miron, Ferrar, Uerines, Mantares, Bouada, Asperella, Uigo, Castro,
Cabanas, Ualle, Pontelias, Ouania, Cellario;”
“No val de Nendos na provincia de Galicia,
vilas chamadas Mirón, Ferrar, Verís, Mántaras, Bóveda, Esperela, Vigo,
Castro,...”
Aínda que algúns dos topónimos non
son recoñecibles hoxe en día temos referencias claras a Verís, Mántaras,
Bóveda, Esperela e Vigo.
Temos pois unha serie de poboacións cualificadas como “vilas”, situadas
na zona dende hai más de mil anos, con nomes derivados do latín, o que indica
que a súa orixe ven probablemente da época romana ou da inmediatamente
posterior.
Na época romana desenvolveuse un
proceso no que se foron abandonando os castros ubicados nas alturas por
asentamentos en terreos en chán denominados villae ou vicus (en latín "lugar", de aí os múltiples Vigo actuais). Na documentación medieval galega a vila é o
núcleo fundamental de organización do espazo.
A vila é nesa época un territorio de
habitación e explotación agraria centrado por unha aldea ou grupo de casas
situado dentro duns límites precisos e organizado a tres niveis: o núcleo de
vivendas e hortas, a zona de explotación agrícola e unha zona de terreos
incultos ou monte.
Non atopamos outras referencias na documentación medieval, o que non é
de estrañar. Só a coincidencia de formar parte das dotes e doazóns de familias
importantes da época nos proporcionou unha pista sobre a súa existencia.
Será precisamente unha desas familias, os Pardo de Cela, a que vai poñer
o lugar de Cela no foco da Historia.
Comentarios
Publicar un comentario
Grazas!